O Centro de Estudios Cooperativos (CECOOP) conmemora este venres 21 de outubro o seu 20 aniversario cun acto que recordará as actividades e logros máis destacados ao longo desta dúas décadas. O evento terá lugar ás 11:00 horas no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago (USC).
O acontecemento contará coa asistencia e participación de diversos representantes institucionais como a directora do CECOOP, Maite Cancelo ; o profesor que o impulsou, o catedrático Dereito Mercantil, Manuel Botana; a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; o director do Foro pola Economía Social Galega (FOROESGAL), Celso Gándara; e a presidenta do Centro Internacional de Investigación e Información sobre a Economía Pública, Social e Cooperativa (CIRIEC), Adoración Mozas. Tamén acudirá o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Xoan Ramón Doldán , así como representantes do Reitorado da USC.
O CECOOP desenvolveu ao longo destes anos un labor de investigación, formación e estudo arredor da economía social atendendo tanto á rama xurídica como á económica. Realiza o seu traballo centrándose en diversos ámbitos desde o galego, o español, o europeo ata o internacional. A súa directora, Maite Cancelo, destaca a achega que transfire ao sector e á sociedade sendo o seu maior logro “ese contacto ca sociedade de forma directa”. O CECOOP busca que o estudo transcenda as portas da universidade e responda ás necesidades sociais.
Entre os proxectos máis destacados da entidade atópase a creación do libro Branco da Economía social en Galicia ou a Semana Universitaria da Economía Social. Esta xa vai pola súa terceira edición e facilita o achegamento da economía social ao estudantado universitario, dado que a presenza desta materia nos plans de estudos aínda é residual. Neste sentido, o CECOOP está a traballar no deseño dun proxecto de posgrao que impulse a formación en economía social en Galicia.
Dende o centro planean o futuro atendendo, por unha banda, á mellora e perfeccionamento dun portal estatístico para economía social galega, e, por outra, á escoita activa das necesidades que traslade o propio sector e a sociedade.